O Plan de Innovación Sanitaria Código 100 postulouse aos
2020 PROCURA AWARDS e foi seleccionado para a lista de nomeados
na categoría para a Adquisición de Innovación Premio
Procura 2020.
O
pasado 30 de abril pechábase a convocatoria para os 2020
PROCURA AWARDS, uns premios que buscan destacar as
adquisicións sustentables e de innovación, xunto cos
procedementos de licitación, e dan visibilidade ás autoridades
públicas máis dinámicas, innovadoras e con visión de futuro.
O
proxecto Código 100 postulouse co novo procedemento de contratación
pública de "Asociación para a Innovación" que
aplicou para o desenvolvemento dunha solución innovadora non
existente no mercado que permita ao Servizo Galego de Saúde
adquirir a gran escala un dispositivo multicanle para a resección
avanzada de tumores rectales mediante endoscopia flexible e cirurxía
endoscópica transanal. Esta é unha das quince contraccións nas
que se empregou a Compra Pública de Innovación dentro do
proxecto Código 100.
Con esta
nova adquisición dende o Servizo Galego de Saúde preténdese
lograr dous impactos fundamentais;
Un impacto a nivel estratéxico, buscando transformar a
organización traccionando a innovación a través das compras
públicas e sentar as bases para implementar unha contratación
pública eficiente que contribúa á realización de adquisicións
estratéxicas, sustentables e de innovación. Neste sentido, o
Servizo Galego de Saúde foi pioneiro a nivel nacional no
sector saúde no emprego do novo procedemento denominado "Asociación para a innovación", onde resulta necesario
realizar actividades de investigación e desenvolvemento respecto de
servizos e produtos innovadores, dado que as solucións
dispoñibles no mercado non satisfán as necesidades
asistenciais actuais, e onde no caso de que o I+D
desenvolta alcance os niveis de rendemento e os custos máximos
acordados entre o Servizo Galego de Saúde e a empresa
adxudicataria, producirase, sen a necesidade de recorrer a unha
nova licitación, unha adquisición do volume de unidades acordado
no contrato.
Un impacto a nivel asistencial, a través da
identificación da necesidade de ampliar a aplicabilidade da
cirurxía sen cicatrices a través de orificios naturais e cirurxía
de incisión única, co obxectivo de poder aplicala tamén en procedementos
cirúrxicos complexos, con altas complicacións e
elevados tempos de recuperación dos pacientes.
É por iso, que partindo dun preprototipo xa existente con solicitude de patente europea, resultado do traballo de I+D previo realizado pola Unidade de Cirurxía Experimental do CHUAC, contratouse o desenvolvemento dunha solución innovadora para a mellora e evolución da tecnoloxía en estado de preprototipo a un dispositivo que poida ser usado en pacientes.
Na procura destes obxectivos, dende o Servizo Galego de Saúde aproveitouse as posibilidades que ofrece a Lei de Contratos do Sector Público para impulsar a Contratación Pública Estratéxica en Innovación, buscando a eficiencia desde o punto de vista económico e procedemental traballando o deseño de contratos, empregado o mecanismo de consultas ao mercado, facendo públicos os plans de necesidades de contratación e anticipándollos á oferta tecnolóxica e, en definitiva, empregando procedementos de contratación pública que potencian a innovación.
No caso presentado, a Asociación para a Innovación proporciona unha serie de vantaxes:
- Permite unificar os procedementos de desenvolvemento do I+D+i e a compra posterior do resultado nun único procedemento e, por tanto, axiliza e reduce os prazos administrativos para a fase de adquisición.
- Posibilita a introdución de solucións innovadoras dunha maneira máis áxil no sistema público de saúde e facilita a incorporación do desenvolvemento tecnolóxico na contorna asistencial real.
- Brinda ás empresas a oportunidade de comercializar o seu produto/servizo innovador e dispoñer dun primeiro cliente de referencia.
Por todo o comentado, o Servizo Galego de Saúde, quixo poñer en valor esta iniciativa na que se estivo traballando e agradece profundamente o recoñecemento de adquisición innovadora que outorga o nomeamento nos 2020 PROCURA AWARDS.
Clic AQUÍ para acceder á listaxe de adquisicións innovadoras e sustentables dos 2020 PROCURA AWARDS